Patrimonio de Ferrol

PALACIO DE CAPITANÍA

PALACIO DE CAPITANÍA

Impoñente edificio histórico con salóns suntuosos e arte do Prado. Ideal para coñecer a historia naval e gozar de visitas guiadas.

O antigo palacio de Capitanía Marítima de Ferrol levantouse hai máis de dous séculos no corazón do barrio da Magdalena. Esta gran construción domina a ría de Ferrol e o Arsenal desde o alto, xunto aos xardíns de Herrera e o Parador de Turismo.

O seu sobrio e impoñente exterior contrasta co seu interior suntuoso, con grandes salóns decorados a base de mobiliario de madeiras nobres, impoñentes lámpadas, alfombras e moitos reloxos. Das súas estancias colgan obras de arte inventariadas polo Museo do Prado e cedidas a Ferrol en concepto de depósito. O máis destacable é o Salón do trono, cun dosel e grandes cortinóns, o comedor, a escaleira imperial de caoba e a sala azul, con retratos de mariñeiros ilustres como Churruca, o heroe da batalla de Trafalgar.

O palacio foi ocupado pola raíña Isabel II, o seu esposo e o seu fillo, o futuro Alfonso XII, durante a súa visita oficial a Ferrol en 1858.

Nel pasaron a noite tamén máis dun centenar de capitáns xerais do século XVIII ao XXI.

Actualmente é sede do Arquivo naval de Ferrol.

Visita con guía oficial de turismo os sábados 2 de xullo, 6 de agosto e 3 de setembro en dúas quendas: ás 10:30 h. e ás 12:00 h. Duración da visita: 1’15 h.

Lugar de encontro: diante do Palacio de Capitanía (entrada dos xardíns). Prezo polo servizo de guía: 5€ (menores de 5 anos gratis)

Nota: A visita farase con máscara en interiores se así nolo require a Armada. Reserva previa imprescindible.

Información das visitas guiadas en Fertur Guías: 696 531 070